
España asumiu a Presidencia do Consello da Unión Europea durante o segundo semestre de 2023. No seu compromiso coa promoción da participación infantil e adolescente a diversos niveis, España, aposta por un maior recoñecemento deste dereito na toma de decisións comunitarias. Por iso converteu a participación infantil e adolescente nunha prioridade durante a súa presidencia, coa esperanza de inspirar a outros gobernos europeos a seguir o seu exemplo.
Para iso, o Goberno español, en colaboración con UNICEF España e a Plataforma de Organizacións de Infancia, organizou o Encontro Europeo de Participación da Infancia e a Adolescencia, no marco da Presidencia do Consello da Unión Europea, cuxo formato presencial tivo lugar en Alcalá de Henares (Madrid) do 29 de setembro ao 1 de outubro de 2023, coa participación de 30 rapaces e rapazas de 10 países da UE, tras o proceso participativo dun grupo asesor conformado por nenos, nenas e adolescentes de distintos países da UE. Durante os tres días que durou o encontro presencial, as rapazas e rapaces participantes, seleccionados polos Estados Membros, debatiron os temas seleccionados por elas e eles mesmos, divulgando posteriormente as conclusións. En representación de España acudiron xunto a nenos, nenas e adolescentes procedentes doutras plataformas de participación do noso país, seis membros do CEPIA.
Para preparar este encontro púxose previamente en marcha unha consulta paneuropea liderada pola organización Child Friendly Governance que, coordinando o traballo cun grupo asesor de adolescentes de varios países europeos, sentou as bases do Encontro europeo de participación infantil. Nesta consulta identificouse a educación, a protección (entendida coma espazos seguros), a saúde mental e a participación como os seus principais problemas ou preocupacións. Coa información que xurdiu deste encontro elaborouse unha serie de recomendacións para o goberno español e outros responsables da toma de decisións da UE.